Saturday 04 de May de 2024

Implantadas novas medidas contra a inseguridade viaria no entorno portuario de Corrubedo durante a época de verán


 

O Concello de Riveira está a dar un novo paso na progresiva implantación de medidas dirixidas a evitar nos meses de verán a inseguridade viaria no entorno portuario de Corrubedo e conceder ao mesmo tempo facilidades de aparcamento nas inmediacións, no ánimo de atallar situacións que poñan en risco a integridade dos peóns nunha época na que poboación e afluencia de visitantes a este pequeno pobo aumenta de xeito exponencial.

A tal efecto e tal como está notificando in situ a Policía Local, o acceso de vehículos motorizados ao porto da parroquia e rúas da contorna estará limitado só a residentes ata o 1 de setembro, amén de labores portuarios, emerxencias e servizos de carga e descarga. Enténdese por residentes tanto os veciños empadroados no pobo como aqueles que posúen alí unha vivenda ou residan temporalmente baixo aluguer, hospedaxe ou fórmulas análogas.

Cómpre salientar a este respecto que aqueles cuxo vehículo ou vehículos non estean censados no Concello de Riveira a efectos do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica deben poñerse en contacto coa Policía Local acudindo as súas dependencias ou chamando por teléfono ao 981 871 178 e comunicar os seguintes datos: número de matrícula, nome do titular do vehículo e enderezo da vivenda de Corrubedo na que se aloxan. Deste xeito, poderán circular libremente pola zona restrinxida durante xullo e agosto sen expoñerse a posibles sancións.

Novo aparcamento de 4.000 metros
Por outra banda, Corrubedo conta cun novo aparcadoiro gratuíto de 4.000 metros cadrados con entrada e saída dende o tramo inicial da estrada do Faro que se suma ao xa existente na rúa Buenos Aires. Está previsto que esta mesma semana rematen os traballos de acondicionamento e sinalización desta nova área de estacionamento, situada a apenas 4 minutos a pé do centro portuario e con capacidade para uns 150 vehículos.